Arquivos diarios: 05/03/2010

A Muller na Arte Galega I

Por mor da proximidade do Día Internacional da Muller, o vindeiro 8 de Marzo, quero adicarlles unhas poucas verbas (tendo en conta tódalas que merecen), un modesto reconhecemento do seu gran labor (que aínda non se fai), e abrir unha pequena fiestra, á inmorredoira lembranza dos traballos da Muller na Arte Galega…

Outra razón que me leva a facer este artigo, é a discriminación existente no mundo da arte. Porque a diferencia doutros ámbitos profesionais que se feminizaron en gran medida, non ocorre o mesmo no sistema laboral da arte…

Mais… Tentando deixar nun lado as trabas por ser muller neste aínda mundo de homes, imos facer unha viaxe polo tempo ata hoxe, centrándonos só na obra destas mulleres, pero dándolle aínda máis valor se cadra… Non están tódalas que son, pero tentarei abarcar o máis posible…

María Corredoyra, Retrato de campesina, 1912

  • María Carmen Corredoira (María Corredoyra): A Corunha 1893 – 1970. Pertence á Xeración de 1916. Retratista de estilo Rexionalista, rematará pintando exclusivamente interiores conventuais cheos de melancolía, nos que prescinde da figuración humana. Mistura o realismo coa espiritualidade. En 1936 foi nomeada Membro directivo da Asociación de Artistas Corunhesa, e en 1938 foi elixida Membro de Número da Real Academia Provincial de Belas Artes da Corunha… A súa obra pódese apreciar no Museo Quinhones de León de Vigo, na Colección Caixanova e no Museo Provincial de Lugo.

Legísima, En familia, 1940

  • Carmen Rodrígez de Legísima (Legísima): Lousado, Ourense 1896 – Vigo 1980. Pintora chea de espiritualidade (barroca) e sinxeleza (realista), cunha paleta colorida e de pincelada grosa, con predominio do retrato e do bodegón na súa temática. No ano 1943 obtén a medalla de prata por Minha irmá na Exposición Nacional de Belas Artes, e no Salón de Outono de 1968 obtén a primeira medalla. En 1987 créase o Premio de Mulleres Pintoras que leva o seu nome… Enrique Lafuente Ferrari dixo que é «La Solana femenina» (polo seu debuxo firme e como torpe). Legísima é unha figura clave da Arte Galega. A súa obra pódese atopar no Quinhones de León de Vigo, e en coleccións institucionais (Caixanova) e particulares.

Maruja Mallo, Dúas mulleres na praia, 1928

  • Maruja Mallo (Ana María Gómez González, en realidade): Viveiro, Lugo 1902 – Madrid 1995. Sen dúbida, é a artista galega máis reconhecida do século XX. A súa obra pódese definir coma xenial , e fáltanme verbas pra clasificala (tanto é directa, coma simple ou complexa, racial ou sutilísima), pois mergullouse nas vangardas e deixouse levar por tódolos –ismos (futurismo, surrealismo…), pero sen perder de vista a arte popular. É difícil atopar unha etapa longa e uniforme… A súa mistura particular de todo iso, deu lugar a súa obra… Ingresou na Academia de Belas Artes de San Fernando, e relacionouse cos poetas e artistas máis vangardistas do país, coma García Lorca, Buñuel, Dalí, Benjamín Palencia, Concha Méndez ou Rafael Alberti (moi importante na súa vida)… Polo que foi unha das protagonistas da marabillosa creatividade que se viviu na Espanha de finais dos anos vinte, ata a Guerra Civil… Dende 1928 ata 1931 forma parte da Escuela de Vallecas, achégase ao surrealismo, e dará lugar á serie Cloacas e campanarios. De 1932 ao 34 vai a París cunha bolsa de estudios do Ministerio de Instrucción Pública. A súa volta dá un novo xiro ao seu estilo, cun predominio do xeométrico (as series Arquitecturas minerais e Arquitecturas vexetais). Tivo un gran compromiso coa República, e ao estalar a Guerra Civil marchou a Bos Aires, onde prosegue coa súa faceta artística facendo varias series Retratos bidimensionais (rostros femininos de fronte e perfil), Bailarinas, Máscaras, Arquitecturas e Naturezas vivas. Volveu a Espanha nos anos sesenta, e recibiu a Medalla de Ouro de Belas Artes no 1982. Está representada en museos de todo o mundo, en Espanha, en Europa, en América, de Norte a Sur… Isto só é un resumo da súa brillante vida e obra. Deberá ter un artigo pra ela soa.

Xulia Minguillón, A Fonte, primeira metade S. XX

  • Julia Minguillón Iglesias (Xulia Minguillón): Lugo 1906 – Madrid 1965. Unha das escasas artistas galegas que conseguiu resonancia nacional, tamén é unha das poucas mulleres espanholas que logrou primeira medalla na Nacional de Belas Artes, no ano 1941, pola súa obra A escola de Doloriñas… En 1923 consegue unha bolsa de estudos da Deputación, coa que vai a Madrid, e cando estala a guerra, volve á seguridade da casa paterna de Vilanova de Lourenzá, de reconhecida filiación dereitista. Viviu en Vigo dende 1948 e Madrid en 1961 (onde morreu)… A súa pintura adecuábase ao gusto estético da posguerra. Traballou coa paisaxe, os retratos (de prestixiosos personaxes da sociedade galega, ou encargos da sociedade acomodada), escenas cotiás, alegóricas e algún tema relixioso. Ten un bo dominio técnico, hai un claro protagonismo feminino, e pinta unha realidade branca (sen miseria nin amargura)… Forma parte das mulleres académicas da Real Academia Galega. Podemos achegarnos a súa obra en museos como o Provincial de Lugo.

Aínda hai moitas artistas das que falar, pero continuarei noutro artigo…