María Antonia Dans, Paisaxe, 1980.
- María Antonia Dans Boado, (María Antonia Dans): Oza dos Ríos, Corunha 1922 – Madrid 1988. Formouse na Escola de Artes e Oficios da Corunha, e no Círculo de Belas Artes e a Escola de San Fernando de Madrid, onde se trasladou tralo seu casamento, a principios dos cincuenta, e residiu o resto da súa vida. Pero a verdadeira formación e influenza na súa obra, recibiuna na Galiza rural da súa xuventude: eses lugares, cores e experiencias, marcarán a súa traxectoria artística. Así, a súa temática vincularase a Galiza, a súa paisaxe e os seus paisanos. Nunha pintura figurativa e paisaxística (sentiuse próxima a Benjamín Palencia), cun estilo deliberadamente inxenuo, elemental e colorista (con ecos fauvistas), que algúns achegan ao naif. Pero en realidade, é un neoexpresionismo intimista e sinxelo dun mundo, que nos achega a unha infancia feliz… Obtivo unha longa lista de exposicións, bolsas e premios. E a súa obra está en Madrid e en tódolos museos de Galiza.
María Victoria de la Fuente, La nevada, 1972.
- María Victoria de la Fuente Alonso, (María Victoria de la Fuente): Vigo, 1927 – Madrid, 2009. Dunha familia de arquitectos, formouse en Madrid, onde a partires de 1945 pasa tempadas, asiste ó estudio do pintor Julio Moisés e é alumna libre da Academia de San Fernando. Viaxa a París, ós Países Baixos e a Italia, onde conhece as obras dos grandes mestres da pintura. Obtivo diversos premios, coma o da crítica en 1962, pola súa exposición individual no Ateneo; ou a terceira e segunda medallas Nas Nacionais de Belas Artes de 1965 e 1967, respectivamente, entre outros. En 1964 casou co pintor Máximo de Pablo, e vai vivir ao Levante. A súa obra caracterízase por uns ambientes exquisitos, misturando a atmosfera e os obxectos, con cores dourados ocres e carmíns atenuados, onde sen pode apreciar un debuxo magnífico e unha gran técnica. Cun estilo expresionista e unha gran execución, a súa obra fai dela unha das grandes figuras da pintura espanhola contemporánea. Está representada en Madrid, Galiza e noutros moitos museos de Espanha, Europa e América.
Mercedes Ruibal, A bebedora de asente, 1973.
- Mercedes Ruibal Argibay, (Mercedes Ruibal): Santo Andrés de Xeve, 1928 – Vigo, 2003. Dunha familia de artistas (filla de pintora, irmá do dramaturgo José Ruibal e esposa do pintor e arquitecto Agustín Pérez Bellas), emigrou a Bos Aires cuns vinte anos, onde comezou a pintar baixo a guía de Laxeiro (artista que marcará a súa obra futura). No ano 57 retorna a Vigo, e tamén vai a Madrid, onde se encontra con outros artistas e intelectuais, coma Rafael Alberti, que lle adicou un poema. A súa pintura achégase primeiro a Laxeiro e despois a Rouault, pasou dun primitivismo naif, a un expresionismo feroz, con formas dun románico popular, con tendencias denunciadoras. Onde predominan o vermello, o azul e o negro. Realizou exposicións en numerosas cidades de España, Italia e Sudamérica. E é autora dunha novela que ten por título Confesiones de volatinera con bragas de repuesto al fondo. A súa pintura atópase en Madrid, Nicaragua e Chile, ademais de en tódolos museos de Galicia.
Elena Gago, El piano, 1990.
- María Elena Fernández Gago, (Elena Gago): A Corunha, 1940? A súa data de nacemento non se conhece. Inicialmente formouse na súa cidade natal; máis tarde foi a Madrid á Escola de Belas Artes de San Fernando e ó Círculo de Belas Artes. A partires dun realismo minucioso e perfeccionista, crea un mundo onírico baleiro e silandeiro, construído xeometricamente, con cores suaves e luces febles; cos que consegue humanizar os obxectos. Tamén publicou pequenos ensaios sobre temas de arte e pronunciou conferencias. Expuxo en numerosas cidades, tamén estranxeiras, coma Munich e Bruxelas. Está representada en museos de Galicia e en importantes coleccións do estranxeiro.
Encántame o corido