Arquivos diarios: 04/04/2010

Animación galega

Tres propostas moi diferentes de como facer animación, e que contar, pero con algo en común: están feitas na Galiza.

A primeira é a curtametraxe cómica O Raio Transparente, de Francisco Lapeña; onde dende un punto de vista fantástico, empregando personaxes e iconas da cultura popular galaica (coma dous clásicos do santoral: os San Benitinhos de Lérez e o de Paredes, que se enlean nunha pelexa ancestral pola supremacía milagreira, é o feito argumental da curta), os protagonistas (un mexillón e unha landra), representan a cultura da costa e do interior da Galiza.

As voces resultaranvos familiares. Son as de Miguel de Lira e Víctor Mosqueira. Ademais do esqueleto… Pasou polo Festival de Cans e o de Ourense, entre outros.

A segunda é O Pintor de Ceos. Curta incrible dun debutante: Jorge Morais (Vigo, 1981), da que se encargou por completo (director, produtor, guionista, animador, editor, técnico de son…), o que lle da máis mérito se cadra. Está catalogada no xénero de terror, pero en realidade é un drama fantástico feito dunha maneira exquisita, na que sobresae a ambientación, inspirada na paisaxe costeira galega. Cóntanos a triste historia dun marinheiro que perde a súa familia nunha tempestade, e pra resarcilo emprega a pintura, tentando remediar as incesantes tormentas…

Recibiu moitos premios, coma o Mestre Mateo á mellor curtametraxe de animación. Deixo só unha parte, xa que a orixinal dura case 25’…

A derradeira polo momento, é Leo do impresionante Fernando Cortizo e a súa produtora Artefacto Producións. Esta curta forma parte dunha serie de misterio de 13 episodios titulada Sombras na noite. Ten a mesma estética e técnica (Claymation ou Plastimación coa colaboración de varios actores galegos, que prestan as súas caras e maila voz, pra darlle vida ós personaxes de plastilina, ademais do emprego de decorados), que axinha veremos n’O Apóstolo (filme coa mesma autoría).

Neste caso Cortizo, cóntanos a historia de Víctor, un ventrílocuo no termo da súa carreira, obsesionado co fracaso, o esquecemento e o seu boneco. No Youtube está en castelán, se queredes ver a versión orixinal en galego e en mellor calidade aquí.

Advertisement